Colexiación

pdf_iconVersion PDF

A INCORPORACIÓN E BAIXA COLEXIAL RÉXENSE POLO DISPOSTO NA ORDE DE 16 DE DECEMBRO DE 2008, POLA QUE SE APROBAN OS ESTATUTOS DO COLEXIO PROFESIONAL DE DELINEANTES E TÉCNICOS SUPERIORES PROXECTISTAS DE OURENSE.

INCORPORACIÓN AO COLEXIO.

1º. Para poder exercer a profesión de delineante na provincia de Ourense é necesaria a incorporación plena ao colexio. Existindo unha organización por colexios territoriais, será suficiente a incorporación a un deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio estatal.

2º. Os profesionais que exerzan ocasionalmente nunha demarcación diferente á de colexiación deberán comunicar, a través do colexio ao que pertencen, aos colexios respectivos, as actuacións que vaian realizar nas súas demarcacións.

3º. Os profesionais titulados vinculados coa administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato das mesmas sexa esa administración. Si será obrigatorio, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

4º. Para poder ser admitido no colexio será necesario posuír a titulación académica que esixen as leis para exercer a profesión, é dicir, estar en posesión da categoría de delineante proxectista antes de 1 de xaneiro de 1982 ou en posesión do título de formación profesional de grao superior, ou equivalente, en edificación e obra civil ou en fabricación mecánica ou graduado en artes, supeditándose ás demais condicións que establecen estes estatutos, aínda que non será indispensable o exercicio da profesión, nin será exixible pertencer a unha determinada mutualidade.

5º. Os estranxeiros poderanse incorporar ou habilitar ao colexio cando se cumpran os requisitos para poder exercer a profesión no estado español. Exceptúanse as incorporacións a título honorífico.

A incorporación poderá ser denegada:

  • Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa autenticidade.
  • Cando o interesado estiver cumprindo condena imposta polos tribunais de xustiza, que leve anexa a pena accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o exercicio da profesión.
  • Cando fose expulsado doutro colexio e non obtivese expresa rehabilitación.
  • Cando se ache suspendido no exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio ou polo Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes.
  • Cando o peticionario, procedendo doutro colexio, non xustifique cumpridamente satisfacer as cotas e dereitos que lle correspondían no colexio de orixe.

As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

  • Toda petición de incorporación ao colexio será resolta no prazo dun mes contado desde a data da solicitude ou, no seu caso, desde que se acheguen polo interesado os documentos necesarios ou se emenden os defectos da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se resolveu sobre a mesma entenderase denegada aos efectos das accións ou recursos que procedan.
  • Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación poderá reclamarse ante o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes. A reclamación haberá de formularse no prazo de trinta días hábiles desde que se notifique a resolución ou da desestimación por silencio.

 

DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA.

A documentación que se require para a colexiación cumprimentarase de modo correcto, sendo o que subscribe responsable da fidelidade dos datos que achega.

A documentación requirida enviarase por correo certificado ao Apartado de Correos número 111 de Ourense.

  • Solicitude de ingreso dirixida ao Decano do Colexio.
  • Cuestionario de estatística, debidamente cumprimentada.
  • Fotocopia compulsada do título correspondente ou resgardo de satisfacer os dereitos de expedición do mesmo.
  • Autorización bancaria, debidamente cumprimentada.
  • Fotocopia do D.N.I.
  • Fotocopia do cartón de desemprego (só para os membros que non exercen)
  • Pódese achegar: títulos, cursos, certificados, diplomas, etc., relacionados coa profesión.
  • 1 fotografía tamaño carné.

No caso dun traslado dun colexio a outro, bastará cunha certificación do colexio de procedencia acreditativa de atoparse en activo e sen nota desfavorable que o impida no seu expediente profesional.

A mesma certificación será válida para solicitar a incorporación a outro colexio, sen deixar de pertencer ao de orixe, todo iso sen prexuízo do establecido no artigo 2.3º da Lei 11/2001.

 

MEMBROS DO COLEXIO.

As persoas que integran o Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas poden ser membros que exercen, membros que non exercen e membros de honra:

  • Son membros que exercen as persoas naturais que, reunindo as condicións esixidas, obteñan a incorporación ao colexio e exerzan a profesión de delineante ou técnico superior proxectista.
  • Son membros que non exercen as persoas físicas que obteñan a incorporación ao colexio e non exerzan actualmente a profesión.
  • Son membros de honra as persoas naturais ou xurídicas, colexios, institucións, organismos, etc. españois ou estranxeiros, sexan ou non delineantes e técnicos superiores proxectistas, que, a xuízo da Asemblea Xeral de Colexiados e a proposta da Xunta de Goberno, merezan tal designación.

 

COTAS COLEXIAIS.
  • A cota administrativa de colexiación establécese na cantidade de 25€, a cal farase efectiva co cargo da primeira cota trimestral correspondente.
  • A cota administrativa de reingreso establécese na cantidade de 25€, a cal farase efectiva co cargo da primeira cota trimestral correspondente.
  • A cota colexial para os membros exercentes e non exercentes establécese na cantidade de 10€ ao trimestre.
  • Non se establecen cotas de visado e certificados.
  • As cotas extraordinarias que se poidan establecer aprobaranse pola Xunta de Goberno e ratificaranse na asemblea correspondente.

 

BAIXA COLEXIAL.

A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

  • Defunción.
  • Incapacidade legal, presentando a documentación que o acredite.
  • Separación ou expulsión como consecuencia de cumprimento de sanción disciplinaria que así o determine.
  • Baixa voluntaria, comunicada por escrito ao decano, alegando deixar de exercer a profesión, incapacidade permanente ou xubilación.
  • Baixa forzosa, por incumprimento das obrigacións económicas.

Para que a baixa forzosa sexa efectiva, será necesaria a instrución dun expediente sumario, que comportará un requirimento escrito ao afectado, para que, dentro do termo que se fixe, se poña ao corrente do descuberto. Pasado o prazo sen habelo satisfeito, tomarase o acordo de baixa, que se deberá notificar de forma expresa ao interesado, sen prexuízo das accións xudiciais que poida tomar a Xunta de Goberno para a reclamación de devanditas obrigacións económicas.

En calquera momento poderase rehabilitar a colexiación previo o abono dos descubertos pendentes e a taxa de reingreso.

pdf_iconVersion PDF